Sunday 28 de April de 2024

A xestora do PSdeG-PSOE en Santiago nomea a Gonzalo Muíños portavoz do Grupo Municipal Socialista


A de Muíños foi a única proposta elevada polo Grupo Municipal á xestora

A comisión xestora do PSdeG-PSOE en Santiago, reunida esta tarde, decidiu nomear a Gonzalo Muíños Sánchez como portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de Santiago.

Segundo explicou o presidente da xestora, Diego Fernández, a de Muíños foi a única proposta trasalada polo Grupo Socialista, polo que é “froito do consenso e foi ratificada por unanimidade”.

Xunto co presidente da xestora, Muíños integrará a delegación socialista que se encargará de realizar as negociacións co Bloque Nacionalista Galego no que respecta á organización municipal.

Muíños é membro da executiva provincial do PSdeG-PSOE e conta cunha dilatada experiencia no Concello de Santiago, onde é concelleiro do Grupo Socialista desde 2011. Foi concelleiro responsable de Mobilidade, Seguridade Cidadá, Barrios, Obras e Relacións Veciñais no último goberno municipal de Xosé Sánchez Bugallo.

Nado no barrio de San Pedro en 1969, estudou en La Salle e traballou como responsable de Calidade e Medio Ambiente de Autos Lobelle. Foi tamén xerente do Club Lobelle de Fútbol Sala entre 2002 e 2011.